A Concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, e a xerente da Asociación Sociocultural de Minusválidos (ASCM), Paula Gárate, presentaron hoxe en rolda de prensa unha iniciativa que desenvolverá no municipio esta entidade de carácter social.

Estiveron acompañadas por Patricia López, membro da ASCM e coordinadora desta campaña. Trátase do programa titulado “Xente!!! Senta e Sente”, que xurde coa finalidade de concienciar ós/as veciñ@s dos barrios de Narón sobre o que senten as persoas con diversidade funcional no seu ámbito máis próximo. 

Para coñecer a accesibilidade no ámbito máis cercano, e poñer ós veciños na pel das persoas con mobilidade reducida, a ASCM promoverá dous tipos de actividades en cada barrio ou parroquia:

  1. Mostra da túa parroquia en fotos: trátase dunha mostra con fotos recentes e representativas sobre a temática da accesibilidade en cada barrio ou parroquia. As mostras de fotografías poderanse visitar durante todo o mes de outubro nos locais sociais municipais, e tamén na Fundación Terra de Trasancos, no Centro Comunitario Municipal Manuela Pérez Sequeiros, na SCR Areosa, e na Asociación de Mulleres Rurais San Clemente.
  2. Senta e sente: en cada parroquia ou barrio, porase a disposición dos veciños/as cadeiras de rodas, para que as persoas que queiran se senten nelas e dean unha volta polo seu ámbito. Así poderán sentir o mesmo que sente unha persoa con diversidade funcional que vai nunha cadeira tódolos días. Despois comentaranse as experiencias, de cara a mellorar o seu ámbito. Finalizarase cun test con preguntas relacionadas coa accesibilidade.

Esta iniciativa se desenvolverá en sesións de dúas horas (de 17:00 a 19:00 horas), nas seguintes datas e lugares:

  • Fundación Terra de Trasancos: martes 21 de outubro.
  • AVV Virxe do Mar: mércores 22 de outubro.
  • CCM Manuela Pérez Sequeiros (A Gándara): xoves 23 de outubro.
  • Local Social de Piñeiros: venres 24 de outubro.
  • Asociación de Mulleres Ferrerías (Xuvia): luns 27 de outubro.
  • AVV de O Alto: martes 28 de outubro.
  • AVV Santa Icía: mércores 29 de outubro.
  • AVV A Gándara: xoves 30 de outubro.
  • AVV Freixeiro: venres 31 de outubro.
  • AVV O Feal: novembro.
  • AVV O Couto: novembro.
  • AVV Altea (Xuvia): novembro.
  • AVV San Xiao: novembro.