O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, entregaron o pasado 16 de xullo os diplomas do Obradoiro Municipal de Confección e do Obradoiro de Igualdade para Persoal Municipal

O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, entregaron o pasado 16 de xullo os diplomas do Obradoiro Municipal de Confección, no que participaron 19 mulleres do municipio.

Este curso desenvolveuse no Centro Municipal de Formación, de novembro de 2013 a xuño de 2014, cos seguintes obxectivos:

  • Contribuir a unha mellora na integración sociolaboral de mulleres en risco social.
  • Dotar dos coñecementos necesarios para o desenvolvemento da actividade textil de modo que adquiran novas capacidades para satisfacer as necesidades do mercado, tanto de particulares coma de empresas.
  • Capacitar ás alumnas nunha profesión con acceso ao mercado de traballo, para despois asistilas no seu proceso de busca de emprego e facer contacto con empresas do sector.

Ó longo deste curso, as alumnas aprenderon a realizar arranxos e composturas de toda clase de prendas, incluso uniformes, disfraces e traxes típicos.

Asimesmo, o Alcalde entregou os diplomas do Obradoiro de Igualdade para Persoal Municipal, no que participaron 3 homes e 9 mulleres. Este taller forma parte do II Plan de Igualdade, e tivo como obxectivos a formación de profesionais nesta materia, a sensibilización en materia de igualdade, e a introdución da perspectiva de xénero na actividade profesional deste alumnado.