A igualdade no emprego acádase mediante os Plans de Igualdade nas empresas: un conxunto de medidas destinadas a alcanzar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres

O artigo 9º (Título II, capítulo I) da Lei 2/2007 do 28 de marzo do traballo en igualdade das mulleres de Galicia define os plans de igualdade das empresas como un conxunto ordenado de medidas, adoptadas despois de terse realizado un diagnóstico das realidade desde a perspectiva de xénero, tendentes a acadar na totalidade dos ámbitos da empresa o obxectivo da igualdade entre mulleres e homes e a eliminación da discriminación por razón de sexo.

Estes plans serán obrigatorios nos termos pactados cando se estableza nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa respecto das empresas incluídas no seu ámbito de aplicación ou nun convenio de empresa de calquera ámbito.

Tamén o serán para:

  • a Administración autonómica,
  • os seus organismos autónomos,
  • as sociedades públicas,
  •  as fundacións do sector público autonómico,
  •  as entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da comunidade autónoma,
  • e os organismos con dotación diferenciada nos orzamentos da comunidade autónoma que, ao careceren de personalidade xurídica, non estean formalmente integrados na Administración da comunidade autónoma.

Nos Plans de Igualdade, deben fixar obxectivos concretos nun prazo de tempo razoable. Tamén deben conter un código das boas prácticas convenientes para acabar os obxectivos asumidos e por último, o establecemento de sistemas eficaces de control interno e de avaliación externa sobre o cumprimento dos obxectivos, así como de mecanismos de readaptación deses obxectivos en función dos resultados obtidos.

As empresas que teñan implantado un Plan de Igualdade terán preferencia na adxudicación dos contratos da Comunidade Autónoma de Galicia.