A Biblioteca do Alto acollerá o vindeiro mércores 2 de abril a proxección da película “Clara Campoamor. La mujer olvidada”

A Concellería de Ensino e Bibliotecas de Narón, dirixida pola edil Mª del Carmen Espada, ven de promover unha nova acción socioeducativa dentro do programa “Biblioespazo”. Nesta ocasión trátase da proxección da película “Clara Campoamor. La mujer olvidada” (dirixida por Laura Mañá no ano 2010). A cinta presenta a loita de Clara Campoamor de cara á consecución do sufraxio feminino en España.

Posteriormente, tras o visionado da película terá lugar un debate sobre os dereitos das mulleres, no que se contará coa colaboración de membros a Marcha Mundial das Mulleres.

Esta película ofrece unha visión crítica dos roles de xénero, pero tamén é unha chamada de atención sobre os logros acadados polas mulleres que loitaron na súa época por lograr a igualdade cos homes. É polo tanto un chamamento claro á desestructuración deses roles de xénero para acadar unha sociedade máis equitativa.

A película sobre Clara Campoamor foi cedida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade –do que é socio o Concello de Narón- e se proxectará o mércores 2 de abril en horario de 17:00 a 19:15 horas, na sala multiusos da biblioteca municipal do Alto. Está recomendada para maiores de 13 anos.