O Concello abre o prazo para inscribirse no Obradoiro ‘Coidando á coidadora’ dirixido a persoas que coidan de familiares dependentes

A Concellería de Igualdade de Narón, dirixida pola edil Teresa Sabio, abre o prazo de inscrición para participar no obradoiro ‘Coidando á coidadora’ incluído no II Plan Municipal de Igualdade do Concello de Narón.

Trátase dun obradoiro de atención e reforzo psicolóxico para coidadoras non profesionais de persoas dependentes.

Existe un límite de prazas de 15 persoas, e as sesións desenvolveranse os venres de 18:30 horas a 20:30 horas no centro comunitario das Casas da Mariña.

O obradoiro iniciarase cando o grupo esté formado, con toda probabilidade no mes de outubro, e se prolongará ata finalizar o ano 2013.

As inscricións realizaranse no Servizo Sociocomunitario Municipal (1º andar do Concello), e a inclusión das solicitantes se realizará a partir da valoración profesional dos técnicos do servizo.

As clases estarán dirixidas por unha psicóloga, e basearanse nun modelo de atención psicolóxica que supón a intervención grupal directa das mulleres. Inclúense métodos, técnicas e pautas de comportamento para axudar a superar o desgaste mental e as cargas emocionais que supón a súa labor (control do estrés, técnicas de relaxación, control da implicación emocional…etc).

Os obxectivos que ten este obradoiro son os seguintes:

  • Mellorar a calidade de vida das coidadoras de persoas dependentes.
  • Desenvolver e potenciar as relacións sociais.
  • Mellorar a autoestima e, por conseguinte, o seu estado de ánimo.
  • Combater a soidade.
  • Manexar as emocións conflitivas xurdidas froito do coidado da persoa.

 

Para máis información, pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal no teléfono 981 33 77 00 (extensión 1113).