A actriz naronesa Iolanda Muíños Paredes (Narón, 1970) foi nomeada hoxe coma ‘Muller do Ano de Narón 2013’ por parte do Concello de Narón.

O Concello nomeou hoxe á actriz Iolanda Muíños ‘Muller do Ano de Narón 2013’ pola súa traxectoria no mundo da interpretación e as artes escénicas.

A actriz naronesa Iolanda Muíños Paredes (Narón, 1970) foi nomeada hoxe coma "Muller do Ano de Narón 2013" por parte do Concello de Narón. O Alcalde, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, ofrecéronlle unha recepción institucional á galardoada, que foi sorprendida nese mesmo momento con esta distinción.

No acto, que se desenvolveu na Alcaldía do Concello (na sala de reunións) tamén estiveron presentes diferentes membros da Corporación Municipal de Narón, familiares e amigos de Iolanda Muíños.

A Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, definíu a Iolanda Muíños coma “unha muller de éxito e coñecida. Está comprometida coa causa das mulleres, gústalle loitar e constitúe un exemplo para todas”. Na mesma liña expresouse o Alcalde de Narón, ó asegurar que a Muller do Ano de Narón 2013 “é unha persoa implicada dende sempre coa cultura e o teatro en Narón, onde foi monitora da Escola de Teatro nos seus inicios”. José Manuel Blanco lembrou que Iolanda Muíños xa ten entre os seus premios un María Casares de Teatro, acadado no ano 2011, e agora ten a oportunidade de conseguir o segundo xa que opta ó galardón de este ano 2013.

Iolanda Muíños agradeceu ó Concello este recoñecemento, asegurando que “o teatro e a cultura son a forma que eu teño de comunicarme co mundo. Loitei e pelexei moito por ser actriz, porque ademáis ó vivir aquí non é tan doado coma quen reside en Madrid ou noutra capital do mundo”. Por iso, a galardoada animou á xente “a loitar polo que cada un desexa, porque a ilusión e a fé nas cousas nunca se poden perder”.

O nomeamento da Muller do Ano forma parte do programa de actos conmemorativos do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Este venres celebrarase tamén a tradicional Cea de Mulleres, na sala de festas A Concha (O Val), na que participará Iolanda Muíños.