Entrevista ás actrices Celia González e Paula Morado.

Celia González e Paula Morado son dúas actrices "criadas" e "creadas" en Narón. O pasado 13 de Outubro presentaron a súa nova obra "Bonecas". "Bonecas" é obra de José Prieto, quen tamén se encarga da dirección. Estivemos falando con elas para coñecer un pouco máis desta obra teatral, xa que nela se enfrontan a unha temática que desgraciadamente está moi presente no noso Concello: a violencia de xénero.

Igualdade: Contádenos un pouco máis da vosa traxectoria como actrices:

Paula: Eu estudiei na Escola de Teatro de Narón, rematei no ano 2011. Pertenzo á asociación teatral O Aturuxo de Melpómene, na que participei como actriz en espectáculos como RR.HH. ou Café. Tamén traballo co grupo Carrachanacacha no espectáculo Cipriano de Bequelar

Celia: Eu comecei estudando na Escola de Teatro de Narón durante os anos 2003-2008. Agora estou cursando 3º na ESAD de Galicia. Pertenzo á asociación O Aturuxo de Melpómene, participei en espectáculos como Cometa, cometa... Actualmente tamén participo na obra de Gheidi no grupo Carrachanacacha, e na compañía residente en Narón Teatro do Morcego en espectáculos como O gato manchado e a Andoriña Siñá. 

Igualdade: Cal é a vosa relación co noso Concello?

Celia: En Narón, na súa escola de teatro, foi onde comezou a nosa actividade teatral, e O Aturuxo de Melpómene tamén reside en Narón. O Padroado de cultura de Naron sempre colabora coa nosa actividade teatral, tanto a nivel afeccionado como profesional.

Paula: O traballo cultural, e máis concretamente teatral, levado a cabo polo Padroado de Cultura do Concello de Narón debería ser tomado como modelo polo resto dos concellos de Galicia, tanto a nivel formativo como na súa programación, ou mesmo na axuda a moitas das compañías formadas no seu concello.

Celia: Tamén o traballo realizado dende Igualdade é moi interesante xa que realizan diferentes campañas de sensibilización ao longo do ano, en días como o 25 de novembro, obradoiros de cociña, pranchado para homes ou bricolaxe para mulleres.

Paula: Todo traballo realizado en materia de igualdade non está de máis, é moi necesario para vivir nunha sociedade máis xusta. 

Igualdade: Falemos da obra, que nos contades en "Bonecas"?

Paula: " Bonecas" conta a historia de dúas irmás nunha habitación que son vítimas inconscientes do perigo que corren. Son bonecas rotas, pero elas non o saben.

Celia: Esta obra amosa a violencia que viven por desgraza moitos fogares de todo o mundo. Trátase dunha violencia que as afecta e as condiciona moito máis aínda do que elas imaxinan. O espectador vai oscilando entre a traxedia e a comedia, para finalmente decatarse do que acontece en realidade entre esas dúas irmás. 

Igualdade: Como foi o estreno no Café Teatro de Narón?

Paula: A estrea en Narón tivo moi boa acollida os dous días, 13 e 14 de setembro, cun aforo practicamente completo.

Igualdade: Por que "Bonecas" e non outra historia?

Celia: O texto encantounos pola temática que trata, a violencia de xénereo, e polas personaxes que contan a historia. Fíxonos reflexionar sobre unha realidade cotiá dende un punto de vista diferente.

Igualdade: Tedes algún proxecto á vista?

Paula: Continuar a nosa formación no ámbito teatral, que "Bonecas" teña unha boa acollida nos escenarios de Galicia, e que de aquí xurdan moitos máis proxectos que nos permitan seguir actuando xuntas.

Igualdade: No voso mundo, que se cadra aparenta moito máis avanzado de mentalidade que outros sectores, notades algunha desigualdade?

Celia: Por desgraza no terreo teatral existen exactamente as mesmas desigualdades que no resto dos ámbitos laborais. A presenza de homes segue sendo maioritaria tanto na parte técnica como artística, pese a que o número de mulleres que fan teatro é maior que o número de homes.

Igualdade: Se alguén quere porse en contacto con vós, ou seguirvos, onde pode facelo?

Celia: Podedes seguir as nosas andainas con"Bonecas" no Facebook que creamos para a obra: http://www.facebook.com/a.t.bonecasbonecas

Paula: E ¡non vos esquezades do blog: http://bonecasbonecas.blogspot.com.es/ !