O campo de fútbol do Val acolleu o pasado 2 de Outubro de 2012 un partido de fútbol con equipos mixtos para fomentar a Igualdade no deporte.

A Concelleira de Igualdade de Narón, Teresa Sabio, e a xogadora da Sociedade Deportiva O Val, Eva Pinto, presentaron en rolda de prensa o partido de fútbol pola igualdade, que disputou na tarde do 2 de Outubro ás 19:45 horas no campo de fútbol de O Val.

Este partido forma parte do obradoiro “Impulsa” deseñado pola Concellería de Igualdade para traballar no ámbito comunitario distintas estratexias que fomentan a igualdade entre homes e mulleres.

A acción desenvolvida nesta ocasión denomínase “A igualdade no fútbol” e consistíu nun partido de fútbol 11 de 40 minutos (a razón de dous tempos de 20 minutos cada un) no que os equipos foron mixtos, é dicir, estiveron formados por homes e mulleres en ambos casos. As féminas son xogadoras da división feminina da S.D. O Val (que xoga en categoría preferente autonómica) e os homes son cadetes tamén da S.D. O Val.

Na actualidade, o deporte do fútbol tan só permite facer grupos mixtos ata os 14 anos de idade. Con esta acción prantéxase un modelo de xogo no que se poidan dar unhas relacións de xénero máis simétricas, onde tanto homes coma mulleres se sintan a gusto e teñan as mesmas oportunidades de expresarse.

Ó finalizar o partido, levouse a cabo unha tertulia coordinada por unha educadora social, sobre as sensacións percibidas e que servíu para evidenciar a situación de feito. Esta tertulia desenvolveuse na aula didáctica da S.D.R. O Val.