A Concellería de Igualdade de Narón, dirixida pola edil Teresa Sabio, está a poñer en marcha unha serie de accións para sensibilizar á poboación sobre o tema da violencia de xénero.

Con motivo da conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, vanse organizar unha serie de accións coa finalidade de concienciar á poboación diante desta problemática, analizando as súas causas, as formas de manifestarse e os medios para combatela.

Así, o Concello porá en marcha un obradoiro gratuito baixo o título “Autoprotección ante a violencia de xénero”, dirixido ás mulleres de Narón.

Impartirase do 26 ó 30 de novembro, en horario de tarde de 17 a 19:15 horas nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. O obradoiro vai estar dividido en cinco sesións de traballo progresivo, para as cales resulta imprescindible a inscrición previa.

Así, o prazo abriuse o pasado día 15 de outubro e permanecerá aberto ata cubrir as prazas. A inscrición realizarase no Rexistro Xeral do Concello, por rigorosa orde de entrada das solicitudes, tendo preferencia as mulleres vítimas da violencia de xénero. Para máis información, pódese chamar ó teléfono 981 33 77 00 (extensión 1113).

O obxectivo desta actividade é aumentar os coñecementos das mulleres no relativo á violencia de xénero, e dotalas das ferramentas físicas e psicolóxicas necesarias para evitar as situacións nas que a muller poida chegar a ser vítima dunha agresión, ou sair co menor menoscabo posible dela e pedir axuda, no caso de que se produzca.

Para esto, abordaranse algunhas das técnicas básicas, fundamentais e sinxelas para defenderse física e psicolóxicamente das agresións, maltratos, vexacións e abusos contra as mulelres. En concreto, traballarase sobre como manter a calma en situación de agresión, a conciencia do espazo no lugar onde se produce o ataque, e como utilizar a postura e a voz –entre outros elementos- para protexerse.