Entre outras novidades, a edición 2011 incorpora cursos sobre cinema, violencia de xénero e trata de seres humanos con fins de explotación sexual, así como atención a mulleres inmigrantes

O Instituto da Muller impulsa a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través de cursos de formación de carácter presencial e tamén on-line.

Con obxecto de incorporar o principio de transversalidade da perspectiva de xénero en todos os ámbitos da sociedade, este organismo, dependente do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, deseñou un Plan de Formación que inclúe un amplo catálogo de cursos, así como ferramentas e materiais didácticos de apoio, dirixidos a distintos colectivos, entre os que se atopan o funcionariado público, profesionais dos ámbitos da educación, saúde, emprego, empresa, nais e pais e cidadanía en xeral.

Formación presencial

Dirixida tanto a colectivos de diferentes ámbitos sociais como á cidadanía en xeral, a oferta de cursos presenciais inclúe formación básica e formación especializada en igualdade, e para a súa realización cóntase coa colaboración de distintos organismos e institucións públicas e privadas.

Formación on-line

A formación on-line xorde como resposta á necesidade de adaptar a formación ás novas canles de información e comunicación e facela compatible coas dispoñibilidades de tempo de cada usuario/a, con plena flexibilidade á hora de elixir o ritmo de aprendizaxe, os horarios, contacto coas tutorías, etc. Así mesmo, con esta modalidade formativa, conséguese dar unha maior difusión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Os cursos on-line ofertados diríxense á poboación en xeral e aos e as profesionais de distintos ámbitos.

Materiais

Como apoio aos cursos on-line e presenciais, o Instituto da Muller elaborou os contidos de distintas guías e publicacións, que serven de axuda, tanto ao profesorado que imparte os cursos, como ao alumnado.

Estes materiais constitúen ferramentas útiles para complementar os coñecementos adquiridos durante a realización dos cursos, e permiten elixir entre unha gran variedade de textos para avanzar e profundar no coñecemento de todas as materias impartidas.

Base de datos de expertas/vos en xénero

Esta base de datos de expertas e expertos en xénero é unha ferramenta dinámica e en continuo proceso de revisión e actualización, para que resulte de gran utilidade e constitúa o apoio e complemento imprescindible para a realización dos procesos formativos programados.

Novidades

O Plan de Formación en Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, na súa nova edición, incorpora unha serie de novidades con respecto a edicións pasadas.

No que se refire á formación on-line, inclúense os seguintes novos cursos:

  • Curso sobre cinema: Compartir miradas en feminino e en masculino .
  • Curso de igualdade, violencia de xénero e trata.
  • Programas de atención e intervención con mulleres inmigrantes en materia de violencia de xénero.
  • Curso de políticas de igualdade de xénero.

En canto á formación presencial, o Plan 2011 incorpora os Talleres de formación en xénero e TIC's que, con 3 horas lectivas, están dirixidos a mulleres de asociacións que teñan coñecementos previos de Internet. A súa finalidade é o desenvolvemento de redes sociais, a través das tecnoloxías da información e a comunicación, para realizar activismo na rede con perspectiva de xénero.

máis información