O Concello distingue a Benigna Díaz Corral co nomeamento de ‘Muller do Ano de Narón’ polo seu traballo a prol da Democracia durante a Guerra Civil

A Corporación Municipal de Narón homenaxeou hoxe, co galo da celebración do Dia Internacional da Muller, a dona Benigna Díaz Corral, veciña de Cornido (O Couto) polo seu traballo a favor da democracia e da liberdade, durante a Guerra Civil e na postguerra, anos nos que deu refuxio na súa casa ós represaliados. Benigna Díaz Corral recibíu o recoñecemento de Muller do Ano de Narón 2011, en base a un acordo acadado pola Comisión de Traballo sobre temas da Muller, celebrada o pasado 16 de febreiro de 2011.

Con esta mención especial, o Concello “quere facer visible o traballo de mulleres coma esta, facéndoo extensivo na súa persoa a tódalas mulleres que axudaron á instauración da democracia, poñendo incluso en risco a súa vida”, declarou a Concelleira de Igualdade, Mª del Carmen Espada. No acto celebrado tamén participaron os voceiros dos grupos políticos con representación no Concello: Guillermo Sánchez Fojo (TEGA), Angeles Díaz Pardo (PP), Catalina García (PSOE), e Antonia Martínez (BNG) que tiveron sentidas palabras de agradecemento para esta muller.

O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, foi o encargado de ler o acordo plenario polo cal se nomea Muller do Ano a Benigna Díaz, ó cal engadiu que “o exemplo desta muller debería servirnos para entender o significado das palabras Democracia e Liberdade. Grazas a persoas como ésta, e tamén a outras que pagaron coa súa vida, hoxe vivimos nun país moito mellor”, asentíu José Manuel Blanco. Xunto coa representación política e os familiares da homenaxeada, estivo o escritor e humorista Siro López, quen coñeceu a labor de Benigna Díaz Corral e da súa familia moi de cerca, e así o reflexou no libro “Retallos da memoria”, que recolle varias testemuñas sobre a Memoria Histórica.

A Muller do Ano de Narón 2011 recibirá outra homenaxe o venres, durante a Cea de Mulleres que se celebrará en Casa Becerra, organizada polo Concello co galo do día 8 de marzo.