A Comisión da Muller aprobou por maioría a súa adhesión ó manifesto desta agrupación con motivo do 25 de novembro

O Concello de Narón sumouse a través da Comisión da Muller ó manifesto da Marcha Mundial das Mulleres, redactado con motivo do Dia Internacional contra a Violencia Machista e que leva por título “Recortar recursos é atentar conta a igualdade”.

A adhesión a este manifesto foi realizada por maioría, cos votos a favor dos grupos políticos de TEGA, PSOE e BNG, e o voto en contra do PP. Darase lectura do manifesto no Pleno Ordinario deste mes de novembro, que se celebrará o dia 25, coincidindo co Dia Internacional Contra a Violencia Machista.

A Concelleira de Igualdade, Mª del Carmen Espada, compareceu en rolda de prensa para informar deste asunto. Acompañándoa estiveron a concelleira do PSOE, Catalina García, a coordinadora comarcal da Marcha Mundial das Mulleres, Anxela Lagoa, e Cristina Merino e Carmen Louro (presidenta e vicepresidenta da asociación teatral O Aturuxo de Melpómene). A concelleira do BNG, Antonia Díaz, excusou a súa presenza xa que tivo que saír de viaxe.

Ademáis de adherirse ó manifesto, o Concello de Narón súmase ós actos organizados pola Marcha Mundial das Mulleres (que este ano se celebran en Narón) para o día 25 de novembro. A Praza de Galicia acollerá as actividades que se realizarán a partires das 20:00 horas, e que consistirán na lectura dun monólogo por parte de Carmen Louro, a interpretación de dous temas a cargo da cantautora Maite Dacosta, e a realización dunha performance titulada “Recortar recursos é atentar contra a igualdade”. Colabora a Asociación Teatral O Aturuxo de Melpómene, formada por antigos alumnos/as da Escola de Teatro de Narón.

A coordinadora comarcal da Marcha Mundial das Mulleres, Anxela Lagoa, fixo un chamamento público a participación cidadá nestos actos. “Queremos animar á xente para que participen nos actos que temos programados, a través dos cales queremos facer ver que a violencia de xénero pódese eliminar”, salientou Lagoa respecto a esta “concentración comarcal, na que pretendemos que estea o maior número de xente posible”, dixo. A Marcha Mundial das Mulleres conmemora o Dia contra a Violencia de Xénero cada ano nun concello distinto, tendo visitado xa Ferrol e Fene, e agora recala en Narón.