A Unión Europea considera cuberta o cociente de prazas de escolas infantís cando se ofertan 33 por cada cen menores. O municipio de Narón ofrece algo máis de 16 por cada centenar de nenos

Para cumprir as liñas marcadas pola UE o municipio, en función dos potenciais usuarios que actualmente ten o servizo, debería ofrecer 544 vacantes, fronte ás 270 actuais.
No concello naronés están censados un total de 1.650 nenos con idades comprendidas entre 0 e 3 anos. O colectivo conforma os usuarios potenciais desas 270 prazas públicas habilitadas nas escolas infantís municipais da Solaina, A Gándara e Piñeiros.  A atención cobre a máis desas 270 persoas, ao non demandar todas elas xornada completa. Atendendo á situación actual, o municipio naronés alcanza o 16,3% do 33% recomendado pola UE para cubrir o cociente de cobertura establecida actualmente.
O próximo ano entrarán en funcionamento as instalacións que se construirán en Xuvia, e que porán a disposición da poboación 70 novas prazas públicas. Coa apertura do cuarto centro, prevista para o próximo ano, o Concello incrementará o cociente  ata alcanzar o 21% das recomendacións europeas.
No que respecta a centros públicos, e a pesar de non alcanzar as propostas da UE, Narón sitúase moi por encima de municipios como Ferrol. O veciño concello contabilizou neste mesmo ano un total de 1.616 nenos de entre 0 e 3 anos -unha cifra lixeiramente inferior que en Narón a pesar de ter máis poboación- e oferta un total de 176 prazas públicas de gardarías. A titularidade dos centros de Catabois e Virxe de Chamorro, con 82 e 53 prazas respectivamente, osténtaa a Xunta de Galicia, mentres que o terceiro centro público -do Consorcio Galego-, a escola infantil de Caranza, inaugurada o pasado curso, dispón de 41.

Ler maís...