Publicáronse as axudas para a reducción da xornada laboral para homes traballadores con fillos ou fillas menores de tres anos.

Os pais traballadores ou familias monoparentais con fillos ou fillas menores de tres anos poderán beneficiarse destas axudas, que serán de pagamento único por un máximo de 8 meses e un mínimo de 60 días.

O apoio económico a aqueles traballadores que reduzan a súa xornada laboral por razón da atención dos seus fillos e fillas é unha medida que, indirectamente, favorece o mantemento das traballadoras nais no mercado de traballo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da convocatoria de axudas á conciliación familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, que contan cun orzamento de 600.000 euros.

O obxectivo destas axudas ten a dobre vontade de apoiar a asunción de responsabilidades familiares por parte dos varóns e de axudar á desaparición dos estereotipos sociais sobre a suposta maior capacidade das mulleres á hora de atender as responsabilidades de carácter familiar.

O mantemento desta crenza ten efectos negativos na empregabilidade e na promoción profesional das mulleres, que son as que continúan acolléndose maioritariamente ás diferentes medidas postas en marcha desde as diferentes administracións públicas para promover políticas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

As familias monoparentais son incluídas tamén na convocatoria por entender que a súa situación precisa de apoio específico para favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Poderán ser beneficiarios das axudas os homes traballadores por conta allea e as familias monoparentais nas que a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea, para o coidado dun fillo o unha filla menor de 3 anos, ou ben, aínda superándose esa idade, cando o/a menor padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33% e sexa menor de 12 anos.

O importe destas axudas, que poderán solicitarse dende o luns ata o próximo 31 de agosto, ascende a 600.000 euros. Realizaranse nun pagamento único que estará en función da porcentaxe de redución da xornada laboral que se solicite e da duración desta, que será como máximo de 8 meses e como mínimo de 60 días.